A Deputación convoca 200 bolsas nun novo Plan de Práctica Laboral

Pontevedra
26 de xaneiro 2017

Os 59 concellos da provincia poderán solicitar as bolsas dende o día 1 ata o día 9 de febreiro

Sinatura do convenio do Plan de Prácticas Laboral da Deputación
Sinatura do convenio do Plan de Prácticas Laboral da Deputación / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha unha nova edición do Plan de Práctica Laboral con outras 200 prazas, 162 delas nos concellos de menos de 50.000 habitantes e as 38 restantes nos servizos da institución provincial.

Os bolseiros recibirán unha remuneración de entre 700 euros ao mes (formación profesional) e 800 euros (titulacións universitarias) durante un período de seis meses renovables por outros seis.

Os concellos que queiran solicitar estas bolsas terán un período de presentación de solicitudes dende o 1 de febreiro ata o 9 de febreiro.

Con este programa de promoción do emprego, a Deputación busca que a mocidade da provincia, sen experiencia previa no ámbito da súa formación, teñan maiores facilidades para atopar o seu primeiro emprego, promovendo que poidan completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.

Ao igual que na edición do ano pasado, a institución provincial asume o financiamento total do plan (ademais da distribución, asignación, selección e adxudicación das bolsas) e serán os concellos os encargados de desenvolver un proxecto ou programa formativo que permitirá aos bolseiros adquirir competencias que melloren a súa empregabilidade.

Ademais, os concellos asumen determinadas obrigas como a de facerse cargo da xestión, coordinación e seguimento das prácticas, designar a unha persoa titora, controlar o cumprimento do horario, garantir unha protección eficaz en seguridade e saúde, subscribir un seguro de responsabilidade civil complementario ao da institución provincial ou conceder dous días hábiles ao mes de descanso, entre outros.