A Deputación convoca un certame de fotografía sobre o espazo público

Pontevedra
12 de agosto 2021

O deputado Uxío Benítez busca dar a coñecer os dez principios da Rede Ágora con "imaxes de calidade" das transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia

Unha persoa facendo unha fotografía
Unha persoa facendo unha fotografía / Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra vai lanzar nas próximas semanas oficialmente os Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público '#FOTOÁGORA', un galardón de vocación internacional que repartirá 40.000 euros en premios.

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez anunciou este xoves a iniciativa, coa que pretende reunir "imaxes de calidade" que dean a coñecer os dez principios da Rede Ágora e como estes favorecen o uso e goce do espazo público por parte das persoas amosando transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia nos últimos tempos.

Para o departamento de Mobilidade este certame ten unha grande relevancia porque pretende amosar a calidade dos espazos públicos e difundir o modelo Ágora dunha forma moito máis clara que a través das palabras. "Hai moitos lugares na nosa provincia que poder servir de exemplo de espazos públicos deseñados e executados con calidade. Unha imaxe vale deles máis que mil palabras, por iso queremos poñer en valor o traballo das fotógrafas e fotógrafos que saiban recoller a nosa filosofía", subliñou.

A contía total dos recoñecementos ascende a un total de 40.000 euros que se repartirán nun primeiro premio de 6.000 euros, nun segundo de 4.000 euros, unha recompensa de 2.000 euros para as mellores fotografías de cada unha das categorías referidas aos dez principios Ágora, así como outros 20 accésits de 500 euros.

As bases do concurso serán publicadas nas vindeiras semanas oficialmente.

O procedemento para a participación será similar ao que xa existe para o certame de Novos Valores do Museo de Pontevedra. Inicialmente as persoas interesadas deben entregar un formulario de preinscrición para despois –no prazo dun mes-, entregar os traballos de maneira anónima en formato dixital xunto ao seu título e a descrición da localización do espazo público fotografado, aos que se lle asignará un código alfanumérico. O servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación custodiará o emparellamento do código da preinscrición co da validación da solicitude e só cando o xurado conceda os premios se coñecerá a autoría das fotografías gañadoras.