Quince deputacións españolas, entre as que se atopa a de Pontevedra, recibiron o recoñecemento polas medidas adoptadas para facer fronte ao despoboamento que se rexistra nas zonas rurais.
O encontro, organizado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), celebrábase este venres en Santa Cruz de Tenerife coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva.
A representante pontevedresa indicou na súa intervención que é necesario fixar poboación no rural a través da instalación de equipamentos sociais e deportivos. Desta forma, apuntou que en Pontevedra se desenvolven plans como o PICEI e o Plan de Reequilibro, destinados a aqueles municipios de menos de 20.000 habitantes.
Ademais, Silva explicou a necesidade de que se realicen políticas contra a desigualdade de xénero, que permitan a permanencia da muller nas zonas non urbanas. A presidenta fixo referencia ás medidas adoptadas sobre emprego, emprendemento e formación neste campo que posibilitan a contratación de mulleres e novas, ao mesmo tempo que se impulsan as novas tecnoloxías como se está acometendo co programa SmartPeme ou o Tourist Inside Rías Baixas que apoia ao sector turístico, entre outros proxectos.
Carmela Silva quixo referirse tamén ás medidas relacionadas co sector forestal, que eviten incendios forestais ao mesmo tempo que poñen en valor os espazos naturais.
A presidenta da Deputación felicitou ao Goberno central por poñer en marcha un real decreto que establece as bases para concesión de subvencións a entidades locais coa idea de fomentar o emprego, o emprendemento e o autoemprego nos municipios cun menor número de habitantes.
Neste sentido, anunciou que a Deputación de Pontevedra presentará a esta convocatoria un proxecto de formación específica en turismo, medio ambiente e tecnoloxías de 200 horas. Estará destinado a 500 mozos, con idades comprendidas entre os 16 e os 22 anos, pertencentes a 31 concellos, entre os que se atopan Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moraña, Ponte Caldelas e Portas. Este proxecto desenvolveríase ao longo de dous anos e medio e contaría cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Por último, Carmela Silva fixo referencia á necesidade de trasladar á Unión Euopea que se aproben instrucións para financiar ás entidades locais e ás deputacións, de forma que "se poidan dar a coñecer cales son as dificultades de cada territorio".