A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia

Pontevedra
16 de xullo 2021

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou este venres que estes dous encontros serán o "pistoletazo de saída" para a reactivación do turismo na provincia. Nestes dous workshops contarase coa participación de 25 empresas da provincia como "representantes de toda a cadea de valor"

Rolda de prensa da presidenta da Deputación
Rolda de prensa da presidenta da Deputación / Deputación de Pontevedra

O 20 de outubro en Valencia e ao día seguinte en Madrid. Serán os dous escenarios nos que a Deputación de Pontevedra difundirá a provincia como destino turístico ante o sector. Será a través de dous Workshops nos que se vai fomentar a comercialización turística.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou este venres que estes dous encontros serán o "pistoletazo de saída" para a reactivación do turismo na provincia.

Nestes dous workshops contarase coa participación de 25 empresas da provincia como "representantes de toda a cadea de valor", das que o 50% son aloxamentos, o  25% axencias receptivas e o restante 25% oferta complementaria (enoturismo, gastronomía, turismo activo).

Nos encontros participarán profesionais de empresas turísticas da provincia e representantes das entidades emisoras. O encontro terá lugar maioritariamente con touroperadores e empresas emisoras especializadas na comercialización dos recursos e de Rías Baixas como destino turístico.

A presidenta lembrou que esta estratexia da institución provincial para o reforzo da colaboración público-privada co obxectivo de ser un destino competitivo iniciouse no ano 2018 en Barcelona e retómase agora ao poder desenvolver a actividade presencial.

Os dous lugares elixidos son Valencia e Madrid porque son dúas localizacións prioritarias para a captación de visitantes, debido ao grande interese que presenta para as persoas residentes nesas comunidades a gastronomía, a oferta cultural e a paisaxe vinculada a un clima suave das Rías Baixas.

O Plan Estratéxico Provincial de Turismo 2021-2023 recolle expresamente a realización de workshops e obradoiros como mercado obxectivo para o destino. Carmela Silva destacou que estes encontros van permitir reactivar a actividade normal despois da pandemia "porque temos que volver a posicionarnos nos mercados emisores".

As empresas disporán de prazo ata o 28 de xullo para inscribirse e poderán facelo na web www.workshopsriasbaixas.com.

Como criterios xerais para a selección, usarase da orde cronolóxica de solicitude e tamén que as empresas teñan distintivos de calidade. No caso dos aloxamentos, valorarase tamén a pertenza a municipios de interese turístico; a categoría do establecemento no caso dos hoteis; a non concentración de participantes en determinados municipios e se valorará representar a varios hoteis. No caso das empresas de oferta complementaria, tamén se premiará a diversidade na tipoloxía de actividades.