A Deputación inaugura as Xornadas Contra a Impunidade poñendo luz na sociedade que querían construír as vítimas do Franquismo

Pontevedra
11 de novembro 2022

A deputada María Ortega, responsable do departamento de Memoria, destacou que é preciso analizar “con rigor” ideoloxías diferentes ás maioritarias porque “en democracia non pode saír caro saír do guión”      

IV Jornadas Contra la Impunidad del departamento de Memoria HIstórica de la Deputación
IV Jornadas Contra la Impunidad del departamento de Memoria HIstórica de la Deputación

A Deputación de Pontevedra abriu este venres  as súas IV Xornadas Contra a Impunidade centradas nas ‘Ideas Furtadas’ asegurando que “hai que rachar coa repetición do que a ditadura marcou como politicamente correcto”, dixo a deputada de Memoria HIstórica, María Ortega. 

Ortega explicou que a loita contra a impunidade e a revisión dos dogmas franquistas son temas centrais do departamento provincial de Memoria “porque entendemos que facer xustiza coas vítimas é tamén desmontar o que durante décadas se transmitiu sobre elas, sobre as súas ideas e sobre a sociedade que quixeron construír”. Destacou que os dogmas impostos pola ditadura non só afectaron á xeración que a habitou, senón que moldearon o pensamento “das que chegamos logo”.   

"Desde a Deputación de Pontevedra quixemos ser valentes con estas xornadas e analizar, en profundidade e con rigor se, de verdade, todas as ideoloxías e pensamentos teñen a mesma lexitimidade para a nosa sociedade”, engadiu.

Ortega agradeceu a gran resposta de público tanto presencial como en liña a través da web da Deputación e animou á cidadanía a seguir os relatorios e a debater se catro décadas de liberdade acabaron coa mala prensa aparellada a ideoloxías como a masonería, o anarquismo ou o propio concepto de república.

Logo da súa intervención, Ortega deu paso a Manu Levin filólogo, guionista en 'El Intermedio', e secretario de Discurso e Análisis Político de Podemos; ao socialista e masón José Vázquez Fouz, Pilar Allegue, integrante na Transición de opcións minoritarias no nacionalismo de esquerdas, e o anarquista Alberte de Esteban. Todos eles falaron sobre se foi plural a democracia nunha mesa redonda moderada polo xornalista de PontevedraViva Alex Espiño.

O escritor Fernando Rueda falou sobre o papel que tiveron os servizos secretos na ocultación dos escándalos relacionados co rei emérito, tanto na ditadura como na democracia; e a Joana Conill, filla do exvicepresidente da Deputación de Barcelona, torturado e encarcerado en Burgos nos anos 60, que presentou o documental que dirixiu, ‘La cigüeña de Burgos’. 

A xornada do sábado pola mañá iníciase cunha mesa redonda baixo o título ‘A represión das identidades nacionais’, que pretende debater sobre a situación dos nacionalismos distintos ao español na actual democracia. A pregunta principal será “Segue a afectar á visión que a cidadanía ten dos nacionalismos periféricos a persecución á que foron sometidos durante a ditadura?”. Falarán diso –moderados pola directora de Nós Diario María Obelleiro- Aitor Esteban, voceiro do PNV no Parlamento estatal; Olaia Rodil, vicevoceira do BNG no Parlamento de Galicia e Joan Tardá, ex voceiro de ERC no Parlamento estatal.

Logo chegará a quenda da conferencia ‘O trauma franquista e a memoria da lingua’, a cargo do profesor Carlos Callón, presentado por Fátima Frieiro, de Diario de Arousa. O relatorio de clausura correrá a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira –presentada pola xornalista de Radio Voz Bibiana Villaverde-, quen fará unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal. O programa finaliza cun roteiro pola cidade de Pontevedra a cargo de Os Quinquiláns e a actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.