A Deputación ingresará dez millóns de euros pola venda das parcelas a Froiz e Novas Rías

Barro
14 de novembro 2014

O vindeiro mes de xaneiro abrirase o prazo para que durante todo o ano 2015 as empresas interesadas poidan adquirir terreo no polígono de Barro Meis

Rafael Louzán amosa nun plano a ocupación de Barro Meis
Rafael Louzán amosa nun plano a ocupación de Barro Meis /

A Deputación de Pontevedra ingresará dez millóns de euros pola venda de parcelas ás empresas Supermercados Froiz e Autocares Novas Rías, según manifestou o presidente da institución provincial, Rafael Louzán, este venres en rolda de prensa.

O vindeiro mes de xaneiro abrirase o prazo para que durante todo o ano 2015 as empresas interesadas poidan adquirir terreo no polígono de Barro Meis.

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou ademais o proxecto para construir un Centro de Servizos e Apoio Empresarial no polígono industrial cun orzamento de 898.000 euros e un prazo de execución de oito meses.

Unha vez adxudicado o Viveiro de Empresas que acollerá no parque industrial a novos emprendedores e unha vez que o polígono acadou unha porcentaxe de ocupación do 50%, a Deputación quere complementar o desenvolvemento urbanístico do parque cun Centro de Servizos e Apoio ás empresas instaladas que, ao tempo, proporcione novos espazos para a celebración de reunión, salas, auditorio, servizo de restauración, cafetería e outros.

O presidente da Deputación afirmou que o polígono de Barro-Meis será un polo de atracción de empresas e para a creación de emprego pois a ubicación nel de Supermercados Froiz actuará de locomotora para a implantación de novas empresas, moitas delas complementarias da súa actividade.

"En Barro-Meis fixemos unha grande inversión e hoxe xa está o 50% da súa superficie ocupada, non buscamos beneficios senón non perder e xerar emprego e riqueza, polo que estou seguro de que, ao remate do proceso, reintegraremos á Deputación a inversión feita", conclueu.