Así é o proxecto de Froiz para Barro Meis

Pontevedra
20 de decembro 2014

A expansión prevista polo Grupo Froiz obrígalle a crear unha nova plataforma loxística de grandes dimensións no polígono de Barro-Meis que lle permita atender o almacenamento de mercadoría para a súa distribución aos establecementos abertos ao público e na que se prevé crear 500 postos de traballo de nova creación

Infografía do proxecto de Froiz para Barro Meis
Infografía do proxecto de Froiz para Barro Meis / Grupo Froiz

A expansión prevista polo Grupo Froiz obrígalle a crear unha nova plataforma loxística de grandes dimensións no polígono de Barro-Meis que lle permita atender o almacenamento de mercadoría para a súa distribución aos establecementos abertos ao público e na que se prevé crear 500 postos de traballo de nova creación.

Segundo o proxecto que o Grupo Froiz presentou na Deputación de Pontevedra, na actualidade, o grupo dispón de plataformas e almacéns para abastecer diariamente aos seus puntos de venta en Lourido (Poio), con dous almacéns de alimentación seca e loxística en frío de hortalizas, froitas e lácteos; no Porto de Vigo, para a compra, xestión e distribución de pescado e marisco fresco; en Lérez (Pontevedra), para a distribución de produtos conxelados; na Ramallosa (Nigrán), onde centraliza as referencias de chacinería; en Valladolid, onde se distribúen e centralizan mercancías para o mercado de Castela-León; e en Braga (Portugal), onde se xestionan compras e centralízase e distribúese o produto procedente de provedores portugueses.

O grupo prevé un notable incremento das súas actividades nos vindeiros anos como consecuencia da adquisición de varias empresas como o Grupo Ekoama ou o Grupo Victoriano Moldes.

Por esta razón, as súas actuais instalacións serán insuficientes para o volume de mercancía requirido e esa é a razón pola que os directivos de Froiz decidisen adquirir 73.394 metros cadrados en Barro-Meis para centralizar o almacenamento nun único lugar.

PARCELAS E NAVES

Nas dúas parcelas, Froiz construirá dúas naves. Na primeira parcela, de 44.826 metros cadrados, edificará unha nave loxística para produto seco de 20.000 metros en planta e 121,5 de alto; un anexo á nave principal para carga de baterías e pallets; un edificio para comedor e vestiarios de 260 metros; unha garita de control de accesos; unha instalación para abastecer gasóleo a camións de 415 metros; e un túnel de lavado de camións de 165 metros. Nesta parcela, as zonas axardinadas totalizan 2.800 metros e o resto serán pavimentacións para manobras de camións, párking e zonas de circulación.

Na segunda parcela, de 27.847 metros, edificará unha nave de produto fresco de 6.000 metros cadrados e 12,5 metros de alto, e unha garita de control de accesos. As zonas axardinadas ocuparán 1.800 metros cadrados e o resto será zona de párking e circulación.

A maiores, o grupo prevé dotar ao complexo industrial dunha gardaría e dun comedor para servizo dos traballadores.