A Deputación inicia unha nova selección de mestres composteiros para os concellos

Pontevedra
21 de xuño 2018

As persoas aprobadas formarán parte dunha bolsa de emprego para traballar como persoal interino por programa nos municipios adheridos

Mestres composteiros explican a opositores o funcionamento dos composteiros Clara Alonso

A Deputación de Pontevedra abriu este xoves o proceso para seleccionar novos mestres composteiros que traballen nos concellos adheridos ao Plan Revitaliza. O Boletín Oficial da Provincia publica a convocatoria e bases que rexerán a selección e abre un prazo de 15 días para que as persoas interesadas en formar parte da bolsa de emprego presenten solicitudes.

Os postos ofertados constituirán unha categoría de empregados nivel C1 que desenvolverán as tarefas de revisión e control dos centros de compostaxe comunitarios distribuídos por cada concello adherido ao plan provincial que solicite persoal. Tamén realizarán labores de comunicación e formación da cidadanía interesada en participar.

O sistema de selección de candidatos desenvolverase en dúas fases a través dun sistema de concurso-oposición. Na primeira fase (oposición) haberá tres exercicios: un tipo test obrigatorio e eliminatorio, unha entrevista persoal para falar sobre o currículo e contestar preguntas do tribunal sobre o desempeño do seu posto de traballo e outro exercicio de tradución ao galego.

Na fase de concurso valoraranse os méritos dos interesados, atendendo á súa experiencia profesional, méritos académicos, prácticas ou cursos relacionados coa compostaxe.

A cobertura dos postos de traballo en cada concello efectuarase segundo a orde de puntuación acadada nas probas, que determinará a bolsa de emprego. Unha vez concluídos os procesos selectivos e os aprobados de maior nota serán nomeados funcionarios interinos. Os restantes candidatos, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados se concorren renuncias ás prazas, pasando a formar parte dunha lista de reserva.