A Deputación mobiliza recursos por 4,2 millóns de euros

Pontevedra
06 de outubro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López anunciou que a administración provincial ven de mobilizar recursos por 4,2 millóns de euros na mellora de infraestruturas, modernización do comercio de proximidade ou en axudas ao deporte

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a administración provincial ven de mobilizar recursos por 4,2 millóns de euros na mellora de infraestruturas, modernización do comercio de proximidade ou en axudas ao deporte.

Segundo informou, a Xunta de Goberno deste venres adxudicou a reposición do firme na E.P. 7201 Cachafeiro-Silleda (Forcarei-Silleda), e a mellora de pavimentos en varios viais municipais do concello da Lama.

Ademáis o goberno provincial acaba de aprobar os convenios de colaboración con outros 31 concellos da provincia, a pasada semana foron 19, para avanzar na transformación dixital e modernización dos mesmos grazas a unha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos Next Generation. 

Tan só Oia quedou fóra dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que se adheriron a esta iniciativa. 

O presidente, Luis López, explicou en rolda de prensa que desta volta dos 31 concellos un total de 22 solicitaron a plataforma de comunicación e xestión de incidencias e 17 o portal de transparencia, 22 o sistema automático de xestión de órganos colexiados, 20 o cadro de mandos de indicadores de Axenda Urbana e Obxectivos de Desenvolvemento Ssostible, e 27 a integración coa Carpeta Cidadá do Estado. 

Ademais, a máis demandada, solicitada pola totalidades destes 31 concellos, foi a provisión de equipamentos informáticos intelixentes. 

"DA TÚA MAN RURAL II"

Nesta mesma Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobouse outro expediente de contratación por 500.000 euros para poñer en marcha proxecto "Da túa man rural II", financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

Ao abeiro de "Da túa man rural II", deseñaranse e lanzaranse dúas campañas de comunicación en medios dixitais para animar á xente a que merque no comercio local, dotarase de prazas de aparcamento reservadas e deseñadas para persoas con mobilidade reducida, ademais de delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras, instalarase sinalética corporativa, instalaranse illas ecolóxicas e porase en marcha unha rede de comercio local que integrará aos axentes do mesmo cos produtores locais e provedores de servizos. 

DEPORTE

O presidente da Deputación tamén informou da aprobación de 250.000 euros en axudas para apoiar os deportistas pontevedreses de alto nivel.

Anunciou Luis López que chegará ata os 287 deportistas "son 16 máis que o ano pasado", o que supón "un récord de beneficiarios coa cifra máis alta histórica nesta liña de axudas" permitindo "custear a súa participación en competicións e traer os seus logros a casa".

En concreto destinaranse ás axudas 250.000 euros que serán distribuídos entre 191 deportistas de alto nivel (nos que se inclúen 12 deportistas con discapacidade) e 96 novas promesas que recibirán ata un máximo de 3.000 euros. 

Vanse beneficiar, en palabras do presidente, "grandes nomes da nosa provincia como Teresa Portela, Desirée Vila, os irmáns Rodríguez Huertas (Iria, Roi e Uxía), Susana Rodríguez Gacio, Antía e Daniel Chamosa, Agustín Alejos, Antía Jácome ou Tono Campos, isto é, unha ampla representación do deporte de alto nivel da provincia".