A Deputación moderniza o seu servizo de teleasistencia domiciliaria

Pontevedra
18 de marzo 2022

A Deputación quere poñer o foco en continuar coa modernización da tecnoloxía do servizo, a fin de amplialo e facelo máis avanzado na súa cobertura para dar maior tranquilidade ás persoas usuarias e permitir deste xeito que poidan permanecer na súa contorna

Persoa usuaria do Servizo de Teleasistencia
Persoa usuaria do Servizo de Teleasistencia / Deputación de Pontevedra

Aprobado o novo contrato do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra. Con el, o órgano provincial quere poñer o foco en continuar coa modernización da tecnoloxía do servizo, a fin de amplialo e facelo máis avanzado na súa cobertura para dar maior tranquilidade ás persoas usuarias e permitir deste xeito que poidan permanecer na súa contorna.

Para este servizo, que está en 46 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, a Deputación investiu preto de 600.000 euros por dous anos iniciais e pode dar cobertura ata a 1.000 persoas usuarias, aínda que actualmente son 668 as que contan con este servizo. Delas, a grande maioría son mulleres que viven soas e no rural.

Deste xeito, o obxectivo con este novo contrato consistirá é mellorar as prestacións como poden ser o aumento do número de dispositivos periféricos para alertar de situacións de risco para as persoas usuarias, como son os detectores de monóxido de carbono, de gas, detectores de caída mediante sensores, de mobilidade, UCR (Unidades de Control Remoto) con maior superficie para facilitar o uso a persoas con artrose, sensores de inundación, de temperatura, alarma de porta ou dispensadores de medicación, completando así un servizo básico para as persoas maiores e/ou con diversidade funcional na provincia. Estes dispositivos van conectados ao terminal e envían aviso á central de maneira inmediata o que fai posible o envío de recursos da maneira máis rápida posible.

Ademais, insisten, este servizo continuará coa adaptación ás novas necesidades das persoas usuarias con motivo da Covid, con especial énfase nas situacións que requiren un máis estreito seguimento e unhas medidas de seguridade e sanitarias adicionais.

Neste senso están incluídos os protocolos de entrada dos e das técnicos e traballadoras e traballadores sociais ao domicilio, uso de Epis, ou o procedemento de solicitude, que se axilizou cos concellos para paliar dificultade que teñen as persoas usuarias para conseguir informes médicos pola pandemia. Tamén mellorarán o proceso de seguimento das persoas confinadas ou con Covid, para paliar situacións de angustia e inseguridade, e tamén se organizará a entrega de alimentos e medicación, en coordinación cos Servizos Sociais Comunitarios Municipais.