A Deputación promociona os recursos patrimoniais de Pontevedra ante o público portugués

Pontevedra
25 de abril 2018

Carmela Silva enxalza a cidade de Pontevedra, o castelo de Soutomaior, o mosteiro de Poio, o festival PortAmérica ou o termalismo en Caldas e Cuntis, na acción promocional de 'Somos Historias' en Porto. O acto presentouno a influencer María Cerqueira Gomes

Acción promocional de 'Somos historias' en Porto Deputación Provincial de Pontevedra

A campaña 'Somos historias' coa que a Deputación de Pontevedra está a promover este ano a provincia a través da posta en valor dos recursos patrimoniais de todas as comarcas chegou a Portugal. Xa pasou durante os últimos meses pola Feira Internacional de Turismo FITUR e polo Teatro Rialto da Gran Vía de Madrid e agora chegou á cidade de Porto.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentárona este martes nun acto dirixido pola presentadora e influencer portuguesa María Cerqueira Gomes no emblemático Palacio da Bolsa da cidade portuense. 

O acto contou coa presenza de máis dunha trintena de turoperadores, axentes turísticos, representantes institucionais das cámaras municipais de Valongo, Póvoa de Varzim, Paredes, Santo Tirso e Barcelos así como do Departamento Operacional do Turismo Porto e Norte de Portugal e medios de comunicación. 

Carmela Silva convidou aos presentes a visitar a provincia de Pontevedra, "un territorio máxico con moitas historias que contar, que queremos dar a coñecer ao mundo. Un destino que teñen moi cerca e onde serán recibidos e recibidas cos brazos abertos en establecementos de calidade e innovadoras. Unha provincia que poden visitar durante todo o ano".

O paso do Camiño Portugués por Pontevedra e o patrimonio histórico e cultural da cidade, con elementos como o Museo de Pontevedra ou A Ferrería foron elementos protagonistas da presentación xunto a todos os concellos polos que transcorre o Camiño Portugués a Compostela.

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer elementos patrimoniais da comarca como o castelo de Soutomaior, "que axiña reabrirá as súas portas ao público", ou o mosteiro de Poio, "cunha biblioteca única". Tamén tivo palabras Silva para os #RíasBaixasFests, enxalzando o festival PortAmérica, "que se celebra nunha carballeira en Caldas de Reis", e puxo en valor o termalismo, destacando localidades con augas mineromedicinais como Caldas e Cuntis.

En Porto a presidenta da Deputación falou da figura de María Vinyals así como de Pedro Madruga e os seus lazos co Castelo de Soutomaior e recordou outros elementos do patrimonio relacionados coa historia de galaicos e fenicios, co patrimonio natural e paisaxístico a través dos espazos naturais e dos xardíns de excelencia internacional, como o do castelo, con  máis de 200 variedades de camelias e árbores centenarias.

Carmela Silva aproveitou a acción promocional do destino Pontevedra provincia para poñer en valor os lazos entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, así como enxalzou a Porto, "símbolo de vangarda e cidade moderna, cosmopolita, cultural e de tendencias".