A Deputación repara as fachadas do Centro Agarimo e do Centro de Educación Especial en Príncipe Felipe

Pontevedra
22 de xuño 2019

A deputada Eva Vilaverde considera que unha vez acometidas estas dúas obras a fisonomía de Príncipe Felipe "será completamente diferente"

Cidade Infantil de Príncipe Felipe
Cidade Infantil de Príncipe Felipe / Deputación de Pontevedra

O Centro Príncipe Felipe segue avanzando na modernización e acondicionamento das súas infraestruturas coa rehabilitación da fachada do edificio que acolle o Centro de Educación Especial e o Centro Infanto-Xuvenil Agarimo.

A xunta do goberno provincial vén de aprobar na súa última sesión o expediente de contratación das obras para reparar as fachadas de ambos centros por un importe dun millón de euros e un prazo de nove meses.

A aprobación deste expediente de contratación dá continuidade á folla de ruta marcada durante o presente mandato pola deputada delegada do centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, para modernizar as instalacións.

A deputada nacionalista considera que unha vez acometidas estas dúas obras a fisonomía de Príncipe Felipe "será completamente diferente"

A reforma e rehabilitación das fachadas de ambos centros contempla o seu reforzo estrutural, coa reparación de linteis e a substitución das carpinterías das fachadas co fin de acadar niveis óptimos de confort e habitabilidade no edificio.