A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato por valor de 821.917,91 euros para a reparación das fachadas do Centro de Educación Especial de Pontevedra e do Centro Infanto-Xuvenil Agarimo no Centro Príncipe Felipe.
Estas actuacións, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, será executada pola empresa "Obras y Servicios Gómez Crespo SL" e teñen por obxecto mellorar a eficiencia enerxética e a impermeabilización dos edificios.
Silva aproveitou a ocasión para facer un recoñecemento á anterior deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, e destacou que a adxudicación supón unha rebaixa de 185.087,61 euros con respecto ao importe de licitación, que ascendía a máis dun millón de euros.
A través da actuación vanse solucionar problemas de perdas enerxéticas, renovando a folla exterior da fachada, substituíndo a carpintería exterior existente e incorporando elementos para o illamento térmico do edificio.
As obras que se veñen de adxudicar están encadradas nos investimentos que a Deputación de Pontevedra está a realizar no Centro Príncipe Felipe.
Deste xeito, tamén se actuou na cuberta do patio do Centro Materno Infantil e no Patio da Escola Infantil Chupetes.
Do mesmo xeito tamén se substituíu o pavimento da cociña xeral e repuxeron elementos para mellorar chans e instalacións de xogos nos parques infantís do CEIP, da Escola Infantil Chupetes e do Centro Materno Infantil.