A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente de contratación para adxudicar a execución da obra para a reparación da cuberta e da fachada do auditorio do Centro Príncipe Felipe. O orzamento de licitación ascende a 264.815 euros.
A obra pretende resolver os problemas actuais neste edificio construído na década dos 70. Segundo denunciara o sindicato Comisións Obreiras e recoñece o goberno da Deputación, o inmoble presenta filtracións de auga e causa problemas de humidades que impiden lograr os niveis de habitabilidade e seguridade adecuados para o desenvolvemento normal das actividades.
Tanto a cuberta e a fachada contan cun illamento insuficiente. Para evitar esta situación, a Deputación ten previsto cambiar as xanelas, executar unha nova cuberta plana transitable, renovando a impermeabilización da zona non transitable, resolver as xuntas do encontro entre a cuberta e a fachada, e a incorporación de illamento térmico na cuberta.