A Deputación de Pontevedra dá por rematadas as obras de reparación das fachadas do edificio que alberga o Centro de Educación Especial de Pontevedra e o CIX Agarimo, dentro do centro Príncipe Felipe de Pontevedra.
As actuacións estaban destinadas a mellorar a eficiencia enerxética e a impermeabilización destas instalacións e supuxeron un investimento de preto dun millón de euros.
O proxecto supuxo a renovación parcial da folla exterior da fachada, a substitución da carpintería exterior existente e a incorporación de elementos para o illamento térmico do edificio.
O inmoble que alberga o Centro de Educación Especial e o CIX Agarimo foi construído na década dos 70 e amosaba unha serie de patoloxías, tales como fisuras, eflorescencias ou pequenos desprendementos de morteiro, que provocaban perdas enerxéticas e non garantían niveis axeitados de illamento térmico.
No marco dos investimentos que está a realizar en Príncipe Felipe, a Deputación concluíu en 2020 as obras de reparación de cuberta e fachada do auditorio, cun orzamento de máis de 260.o00 euros, e que tamén estaban destinadas a mellorar a eficiencia enerxética da instalación.