Manuel García Cendón xa é o novo director de Príncipe Felipe

Pontevedra
05 de decembro 2019

García Cendón, cunha experiencia profesional de 30 anos con menores, sinalou que "trátase dun reto profesional que me motiva moitísimo xa que hai moitas cousas que se poden facer"

Presentación de Manuel García Cendón como novo director do Centro Príncipe Felipe
Presentación de Manuel García Cendón como novo director do Centro Príncipe Felipe / Cristina Saiz

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves a Manuel García Cendón como novo director do Centro Príncipe Felipe, unha institución de carácter educativo e social concibida para acoller e formar aqueles nenos e mozos en situación de risco ou exclusión social. Na actualidade este centro presta servizos sociais nas áreas de mocidade, familia, atención ó maior e muller.

Carmela Silva dixo que a designación de García Cendón coma director do Príncipe Felipe "é un luxo para esta casa".

Para a presidenta, que enxalzou a traxectoria formativa e profesional do novo directivo na súa presentación, "o Príncipe Felipe vai estar nas mellores mans" xa que García ten "unha grande traxectoria e un compromiso coa educación, sobre todo das nenas e dos nenos máis vulnerables".

A presidenta detallou que Manuel García "cumpre o perfil preciso para dirixir o Príncipe Felipe". Neste eido, Carmela Silva explicou que é licenciado en Psicoloxía pola UNED, diplomado en Formación do Profesorado pola Universidade de Santiago e técnico superior en prevención de riscos laborais nas súas tres especialidades. A nivel profesional, é persoal laboral fixo no Centro de Menores Avelino Montero dende hai máis de 25 anos, onde tamén foi subdirector, e director do Centro Residencial e Asistencial de Diversidade Psíquica de Redondela.

Carmela Silva tamén explicou o procedemento de libre designación do novo director de Príncipe Felipe, con "requirimentos moi rigorosos e serios para poder participar".

Pola súa banda García Cendón agradeceu á Deputación "a confianza prestada para facerme cargo do Príncipe Felipe pois é un centro grande, que hai que mirar con moito respecto porque leva facendo unha función moi importante na protección de menores dende fai máis de 40 anos".

Para García o cargo de director de Príncipe Felipe é "un reto profesional que me motiva moitísimo, xa que hai moitas cousas que se poden facer alí". Entre estas cuestións, o novo director mencionou a necesidade de darlle un pulo social, "porque non creo que haxa un centro similar tan grande en toda a comunidade galega", e enxalzou o papel socioeducativo e o servizo público que presta de cara ás persoas máis vulnerables.

A presidenta provincial, Carmela Silva, tivo tamén palabras de recoñecemento ao anterior director do Centro, José Ramón Couto, que "tivo que facer fronte a situacións moi complexas e dar saída a moitas cuestións que levaban anos sen se resolver".