A Deputación rexeita unha moción contraria á reorganización da Área Sanitaria

Pontevedra
31 de xaneiro 2014

O grupo provincial do Partido Popular fixo valer a súa maioría absoluta na Deputación de Pontevedra para rexeitar a moción da oposición na que se reclamaba que as especialidades sanitarias derivadas a Santiago retornen a Vigo e Pontevedra

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra

O grupo provincial do Partido Popular fixo valer a súa maioría absoluta na Deputación de Pontevedra para rexeitar a moción da oposición na que se reclamaba que as especialidades sanitarias derivadas a Santiago retornen a Vigo e Pontevedra.

O secretario do PSdeG de Pontevedra, Santos Héctor, voceiro na corporación provincial, trasladou o rexeitamento á reorganización da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que describiu como unha "medida unilateral do Partido Popular".

Santos Héctor Rodríguez, explicou que a repartición "non parece moi equitativo para os diferentes complexos hospitalarios, pois mentres A Coruña vai contar con once referencias únicas, e Santiago con once, a Vigo so se lle asignan catro, cando a área urbana de Vigo é a de maior poboación de Galicia".

O voceiro socialista indicou que "lamentablemente, a política sanitaria da dereita ven discriminando" aos cidadáns da provincia de Pontevedra en termos de asistencia sanitaria, "dende fai moitos anos".

E recordou que a área sanitaria de Vigo é a única que ten poboación asignada a un hospital privado, "e agora estase a construír un novo hospital privado que vai a hipotecar a sanidade galega durante décadas".

Igualmente dende o BNG, o voceiro provincial César Mosquera, destacou a situación do complexo hospitalario de Pontevedra, "onde a promesa da construción dun novo hospital tamén de carácter privado ven sendo a excusa do Partido Popular e do goberno de Núñez Feijoo para non facer ningunha nova inversión en Montecelo".

"Con respecto a área sanitaria de O Salnés está a acontecer algo moi parecido", engadiu Santos Héctor "non se fai a tan vendida ampliación do Hospital mentras se vai enviando os seus doentes aos hospitais de Pontevedra, Vigo e Santiago".

Interveu polo Partido Popular, José Manuel Figueroa, que subliñou a importancia que terá a posta en funcionamento do futuro Hospital de Vigo, "a obra máis importante da provincia dende a ponte de Rande".

Figueroa que ademais de voceiro exerceu como presidente do Pleno ante a ausencia do titular da institución, Rafael Louzán, pediu aos cidadáns un voto de confianza coas políticas do goberno de Núñez Feijóo e deu por pechado o debate.