A Deputación ten xa instalada a nova canalización do Rego da Brexa

A Lama
05 de febreiro 2018

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explica que as obras garantirán a estabilidade estrutural da estrada e estarán rematadas a mediados de marzo

Nova canalización do Rego da Brexa baixo a estrada Peso-Caroi
Nova canalización do Rego da Brexa baixo a estrada Peso-Caroi / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar a instalación da nova drenaxe para que as augas do Rego da Brexa, un afluente do río Barbeira, crucen con seguridade a estrada EP-0307 entre Peso e Caroi, no termo municipal de A Lama.

Este luns quedaron colocados definitivamente os oito marcos prefabricados de formigón que permitirán que a auga discorra por debaixo da vía de titularidade provincial.

Segundo explica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a instalación desta nova estrutura de drenaxe, ademais de permitir o paso da corrente, aportará tamén estabilidade á estrada para o tránsito de vehículos pesados cara os núcleos de A Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes.

A canalización da auga do Rego da Brexa facíase ata o de agora a través dun dobre muro de mampostería sen trabazón no que apoiaba unha lousa de formigón armado, formando un oco de 1,7 por 1,3 metros.

Debido aos continuos temporais de choiva, así como ao paso frecuente de vehículos pesados, produciuse un afundimento dun extremo da citada drenaxe, que trouxo como consecuencia o seu taponamento parcial. Esta obstrución facía correr o risco dun asolagamento da zona augas arriba, co conseguinte desbordamento do regato por riba da estrada.

Segundo explica Benítez, a pesares dos esforzos e da rápida intervención da brigada de conservación para sinalizar o afundimento cando se produciu, fíxose imposible reverter a situación. Ademais, debido ao mal estado de toda a drenaxe en xeral, detectouse a posibilidade do afundimento total dos muros, o que impediría aos habitantes da zona de Caroi chegar aos núcleos de A Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes, entre outros.

Ante esta situación, o departamento de Mobilidade da Deputación realizou o proxecto para substituír a drenaxe existente por unha nova estrutura que garantirá o desaugue do Rego da Brexa (afluente do Barbeira que se une finalmente co río Verdugo). Ao mesmo tempo, a nova canalización de formigón prefabricado garantirá tamén a estabilidade estrutural da estrada fronte ao paso de vehículos pesados.

A actuación, iniciada a mediados de xaneiro cun orzamento de cen mil euros, poderá estar finalizada a mediados de marzo se a climatoloxía o permite. Nos vindeiros días, unha vez xa están instalados os oito marcos prefabricados, farase un recheo de terras na zona e compactarase o material, para despois proceder á instalación do firme e as correspondentes capas de asfalto antiescorregadizo na calzada, así como á sinalización horizontal.