As obras da curva de Barbeira de Arriba provocarán o peche da estrada Escuadra-Caroi

A Lama
16 de febreiro 2018

Será durante os días 19, 20 e 21 deste mes. Serán habilitados desvíos convenientemente indicados para procurar causar as menores molestias posibles aos veciños da zona

Jorge Canda visita as obras da estrada provincial en Barbeira de Arriba
Jorge Canda visita as obras da estrada provincial en Barbeira de Arriba / Concello da Lama

As obras que está a executar a Deputación de Pontevedra para o ensanche e mellora da curva de Barbeira de Arriba provocará o peche ao tráfico rodado da estrada que une A Escuadra con Caroi durante os días luns 19, martes 20 e mércores 21 próximos.

O corte de tráfico é necesario para poder efectuar adecuadamente os traballos requiridos para resolver un grave problema que viña acusando este tramo do viario e que levaban reclamando a súa reparación desde hai anos tanto veciños como o propio Concello da Lama.

Os traballos que se están levando a cabo contan cun orzamento total duns 71.000 euros afrontados pola Deputación de Pontevedra, titular desta estrada que vertebra territorialmente o interior da provincia entre os municipios da Lama e Cerdedo- Cotobade, máis concretamente entre A Escuadra e Caroi.

O alcalde da Lama, Jorge Canda agradeceu á Deputación de Pontevedra o esforzo investidor nesta curva pero volveu insistir na necesidade de afrontar antes de que finalice a presente lexislatura do ensanche de 1,8 quilómetros desta estrada que une A Lama co veciño municipio de Cerdedo-Cotobade a través da parroquia de Caroi.