Piden aos veciños que cedan terreos para mellorar a estrada de Caroi

Cerdedo Cotobade
18 de decembro 2018

A obra, financiada pola Deputación, terá un orzamento de 940.000 euros e afectará a un tramo de 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0307 Peso-Caroi

Xuntanza dos alcaldes de Cotobade e A Lama cos veciños de Barbeira de Arriba
Xuntanza dos alcaldes de Cotobade e A Lama cos veciños de Barbeira de Arriba / Concello de Cerdedo-Cotobade

O presidente municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, mantiveron unha reunión cos veciños de Barbeira de Arriba para expoñerlles o proxecto de mellora da estrada provincial EP-0307, que comunica ambos municipios, co fin de solicitar a súa colaboración na cesión de terreos para a súa execución, que ten un orzamento de 940.182,85 euros que serán financiados pola Deputación.

O tramo obxecto da obra esténdese ao longo de 1,8 quilómetros e conecta o municipio da Lama co veciño de Cerdedo-Cotobade pola parroquia de Caroi.

A estrada pasará a ter unha plataforma de case seis metros de ancho (2,75 metros por carril, ademais de 0,50 de beiravía a ambos os dous lados e unha cuneta de 1 metro de ancho na marxe dereita) e eliminarase algunha das súas curvas que fan do seu trazado sinuoso un dos peores dos existentes na rede provincial de estradas.

Os veciños mostraron a súa boa disposición a colaborar e ceder os terreos necesarios para acometer esta obra.

"É unha obra necesaria e urxente e tanto o alcalde da Lama como eu mesmo implicarémonos a tope para que por fin sexa unha realidade", comprometeu Jorge Cubela alcalde de Cerdedo-Cotobade.