Cerdedo-Cotobade e A Lama logran os terreos para ampliar a estrada entre Peso e Caroi

Cerdedo Cotobade
29 de xullo 2019

Esta actuación, que vaise licitar por 940.182 euros, permitirá acometer un proxecto de ensanche e reforzo da seguridade viaria consistente na ampliación da superficie da estrada para contar con carrís de tres metros, cunetas na marxe dereita, unha berma na zona esquerda e beirarrúas nos dous laterais

Xuntanza pola cesión de terreos para a estrada Peso-Caroi
Xuntanza pola cesión de terreos para a estrada Peso-Caroi / Concello de Cerdedo-Cotobade

Os concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama xa contan con todos os terreos necesarios para ampliar a estrada provincial EP-0307, que une as parroquias de Peso e Caroi. 

Os dous alcaldes pediran á Deputación a reforma integral deste treito da estrada, duns dous quilómetros de lonxitude, hai aproximadamente dous anos e, tras recibir a aprobación por parte do organismo provincial, tramitaron os terreos cos veciños afectados.

Este trámite culminouse con éxito e as parcelas precisas para a ampliación da estrada foron postas a disposición da Deputación, cuxa xunta de goberno vén de aprobar definitivamente o proxecto.

Esta actuación, que vaise licitar de inmediato por un importe de 940.182 euros, permitirá acometer un proxecto de ensanche e reforzo da seguridade viaria consistente na ampliación da superficie da estrada para contar con carrís de tres metros, cunetas na marxe dereita, unha berma na zona esquerda e beirarrúas nos dous laterais.

Agárdase que o concurso quede resolto e adxudicado no presente segundo semestre deste ano e as obras poidan comezar ben antes de que remate 2019 ou ben a comezos do seguinte exercicio, dependendo das condicións climatolóxicas.