A Deputación de Pontevedra saca a licitación as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP 0307 Peso-Caroi, nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade.
O tramo que se pretende mellorar trátase dunha zona estreita debido a que a estrada discorre a media ladeira existindo nas súas marxes grandes desniveis, edificacións e formacións rochosas.
As obras proxectadas consisten na ampliación da superficie do viario co fin de dotalo dunha cuneta de seguridade de 1 metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros por ambas marxes, carrís de 2,75 m e unha berma pola marxe esquerda de 0,5 metros.
Será necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura. Así como desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario. Tamén será preciso o retranqueo dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución e/ou ampliación das obras de drenaxe existentes. Amais, con estas obras reporase a barreira de seguridade, colocaranse sinais verticais e horizontais e 6 redutores de velocidade.
O orzamento de licitación desta actuación é de 940.182,85 euros e o prazo para presentación das ofertas rematará o vindeiro 29 de outubro.