A reforma da estrada entre Peso e Caroi comezará o martes

Cerdedo Cotobade
02 de maio 2020

O tramo que se vai mellorar abrangue dous quilómetros da estrada EP-0307, entre o catro e o seis, que na actualidade presenta un firme deficiente e ten dobre sentido de circulación, pero sen delimitar os carrís e cun ancho total de entre 3 e 4 metros, sen beiravías nin bermas

Cartel que anuncia as obras de reforma da estrada Peso-Caroi
Cartel que anuncia as obras de reforma da estrada Peso-Caroi / Deputación de Pontevedra

En oito meses prevé a Deputación que estean rematadas as obras de mellora da seguridade viaria da estrada entre Peso e Caroi, nos concellos de A Lama e Cerdedo-Cotobade.

Estes traballos, que comezarán o próximo martes, teñen un orzamento que roza os 750.000 euros, segundo detalla o goberno provincial.

O tramo que se vai mellorar abrangue dous quilómetros da estrada EP-0307, entre o catro e o seis, que na actualidade presenta un firme deficiente e ten dobre sentido de circulación, pero sen delimitar os carrís e cun ancho total de entre 3 e 4 metros, sen beiravías nin bermas. 

Trátase ademais dunha zona estreita debido a que o viario discorre a media ladeira e existen nas súas marxes grandes desniveis, edificacións e formacións rochosas.

A estrada, cuxo límite no leste é a Serra do Cando, catalogada na Rede Natura 2000, discorre por unha zona con alta pluviometría e habitualmente debe evacuar volumes importantes de auga, polo que estes traballos eran máis que necesarios.

As obras permitirán ampliar a superficie da estrada provincial para garantir á seguridade viaria e dotala de carrís de 2,75 metros, unha cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma na marxe esquerda de 0,5 metros.

Para realizar esta actuación, será necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario.

Tamén será preciso o retranqueo dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución e/ou ampliación das obras de drenaxe existentes.

Ademais, con estas obras reporase a barreira de seguridade e colocaranse sinais verticais e horizontais e seis redutores de velocidade.