A Deputación tínguese de azul polo Día Mundial da Síndrome de Down

Pontevedra
20 de marzo 2018

Co obxectivo de reivindicar unha sociedade máis inclusiva e plural, o Pazo Provincial tinguirase de azul desde as 20.00 horas deste mércores ata a mañá do xoves 22 de marzo

O Pazo Provincial iluminado de azul
O Pazo Provincial iluminado de azul /

Co motivo da celebración mundial do Día da Síndrome de Down, o 21 de marzo, o goberno da Deputación de Pontevedra tinguirá a fachada do Pazo Provincial de azul, para sumarse a esta iniciativa solidaria. Así, desde este mércores ata a mañá do xoves 22 de marzo o goberno provincial mostrará a súa solidariedade coas persoas que teñen esta síndrome, na busca dunha sociedade máis inclusiva e tolerante.

Ademais, desde a institución impulsaranse novas iniciativas e programas dirixidos tamén a estes menores que poderán, entre outras cousas, participar nos campamentos da Lanzada ou gozar do seu tempo libre con actividades como "En ruta coa Depo".

O obxectivo principal destes proxectos, xunto coa tinguidura do Pazo de azul, é reinvindicar a construción dunha sociedade máis igualitaria e democrática, onde se recoñezan e poñan en valor as diferenzas existentes entre uns e outros.

Pero non só se fomentarán iniciativas que teñan que ver co ocio. Unha das metas deste programa é dotar a estas persoas de oportunidades de inserción laboral, para que participen activamente nos diferentes ámbitos sociais.

É por iso que desde a Deputación tamén se pon en marcha, ademais das habituais bolsas de emprego, o programa "Depoemprega", co que persoas con Síndrome de Down poden acceder a un posto de traballo. Tamén existen axudas a clubs de deporte adaptado, coa finalidade de mellorar a calidade de vida destas persoas.