Mozos con síndrome de Down fórmanse como ordenanzas e administrativos

Pontevedra
09 de xuño 2018

Un proxecto da asociación Down Pontevedra Xuntos, en colaboración coa Fundación ONCE, está a permitir que un grupo de mozos con síndrome de Down estean a formarse laboralmente no sector de ordenanza e administrativo

Moza con síndrome de Down que se forma como administrativa
Moza con síndrome de Down que se forma como administrativa / Asociación Down Pontevedra Xuntos

Un proxecto da asociación Down Pontevedra Xuntos, en colaboración coa Fundación ONCE, está a permitir que un grupo de mozos con síndrome de Down estean a formarse laboralmente no sector de ordenanza e administrativo.

Esta formación ten como obxectivo a capacitación dunha persoa e é unha excelente maneira de que aquelas que teñen discapacidade intelectual logren unha inclusión real no ámbito laboral ordinario, como paso previo a lograr unha vida máis autónoma.

Sete usuarios da asociación están a adquirir o coñecemento, habilidades e destrezas necesarias para poder traballar como ordenanza, auxiliar administrativo ou bedel.

Todas elas están inscritas no programa de garantía xuvenil e contan con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos e cun certificado de discapacidade entre o 33% e o 65%.

Esta aprendizaxe, que comezou o pasado 1 de marzo e estenderase ata o próximo 20 de xullo, conta cunha parte teórica e outra totalmente práctica. A primeira delas leva a cabo na propia entidade Down e ten unha duración de 160 horas, mentres que a segunda consta de 100 horas prácticas en empresas ordinarias da contorna.

Nesta ocasión, as empresas colaboradoras son a Sociedad Deportiva Teucro, o colexio concertado Sagrado Corazón de Pontevedra, Soain Asesores S. L. e Espacio Arroelo.