A Deputación valora como "absolutamente insuficiente" a proposta da Xunta para crear unha subsede dos GES en O Grove

O Salnés
21 de outubro 2021

O deputado Carlos López Font destaca que a Xunta pretende financiar o custo do incremento de persoal detraendo cartos do Fondo de Cooperación Local, "polo que os concellos pagarán por partida dobre"

Carlos López Font, deputado de Réxime Interior, Economía, Facenda e ORAL
Carlos López Font, deputado de Réxime Interior, Economía, Facenda e ORAL / Mónica Patxot

O deputado Carlos Font, representante da Deputación de Pontevedra na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), cualificou este xoves de "absolutamente insuficiente" o paso dado pola Xunta de Galicia anunciando a creación dunha subsede no concello do Grove.

Engade que esta subsede tamén "sería unha decisión discriminatoria co Grove" e "profundamente contraditoria" xa que a Xunta pretende "crear medio GES" na localidade meca con 6 integrantes cando o actual Grupo Municipal do Grove dispón de 13 compoñentes. 

"A Xunta nos di na mesma xuntanza que só quere que haxa bases GES con dotacións completas para acabar coas subsedes e que quere facer unha excepción co Grove. Por que A Estrada e Lalín si e O Grove non? E di, ademais, que tódolos grupos municipais, agás O Grove, deben ter o mesmo financiamento que os integrados no sistema GES. Por que Sanxenxo e Ponteareas si e O Grove non? Se había sospeitas máis que fundadas de que o tratamento que a Xunta dá ás bases dos GES garda relación coa cor política dos concellos nos que se asentan ou se pretenden asentar, quedaron completamente despexadas", indica o deputado provincial. 

A Deputación presentará unha proposta alternativa "máis funcional, racional, rigorosa e equilibrada" para axudar a cubrir o mapa das emerxencias da provincia "e tratando a tódolos territorios con equidade".

Ademais, Font recalca que "unha vez máis a Xunta invita e a Administración local paga, neste caso por partida dobre: directamente coas partidas que achegan deputacións e concellos con fondos propios e indirectamente coas que se lles retiran do Fondo de Cooperación Local. E todo elo sen esquecer nunca que a Xunta saca o resto dos cartos do sistema de emerxencias do canon eólico, un imposto que debería ir integramente aos concellos afectados polos parques, e que acaba, de xeito espurio, no peto da Xunta", sentenciou o deputado provincial socialista.