A Deputación volve convocar axudas para fomentar actividades contra a violencia de xénero

Pontevedra
08 de febreiro 2018

A institución provincial ten previsto destinar unha partida de 220.000 euros para que aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes opten a axudas para levar a cabo actividades contra a violencia machista

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará este venres unha partida de 220.000 euros para que aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes opten a axudas para levar a cabo actividades contra a violencia machista e o fomento da oportunidade de igualdades.

A estas subvencións poderán presentarse aqueles municipios que desenvolvan actividades de sensibilización, formación e prevención de violencia contra a muller; iniciativas das mesas de coordinación contra a violencia machista e tamén aqueles concellos que desenvolvesen proxectos para a mellora de atención de persoas que sufriron esta violencia: menores e persoas dependentes.

O prazo para solicitar estas axudas será de 30 días a partir de que se publique no BOE. No ano 2016 iniciábase esta iniciativa coa participación de 25 concellos, que se viu aumentado ao dobre durante 2017.

O obxectivo é que con este diñeiro se desenvolvan actuacións para que a sociedade sexa máis igualitaria e se realicen acción que eduquen para evitar que continúen rexistrándose casos de violencia contra a muller.