A derriba do muro da Travesía República Arxentina despexa o trazado da nova rúa

Marín
18 de abril 2022

O concelleiro Manuel Santos achegouse ata as obras para comprobar o seu avance e como se está a reformar toda a manzana urbana do Inferniño.  

O concelleiro de Marín, Manuel Santos, visita as obras do novo vial de Travesía República Argentina
O concelleiro de Marín, Manuel Santos, visita as obras do novo vial de Travesía República Argentina / Concello de Marín

O barrio marinense do Inferniño está a reformularse grazas á apertura do novo viario de Travesía República Arxentina, unha rúa que xa comeza mostrar o seu novo trazado, despois de que se derrubase por fin o muro que separaba ambas partes.

Así o foi comprobar o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, que acudiu á zona das obras a comprobar o seu avance e toda a mellora urbana que suporá a apertura desta rúa na zona. “Agora xa é máis sinxelo ver o que se gañou e seguirase mellorando, cando se comece coa pavimentación e a creación de beirarrúas, así como a mellora das existentes na zona que xa estaba urbanizada”, explicou o concelleiro.

O novo tramo será de 44 metros de lonxitude e deixa dúas parcelas anexas, nas que é posible levar a cabo unha promoción inmobiliaria, que se volve moito máis interesante coa renovación urbana de Travesía República Arxentina.

Actualmente a execución da obra supera o 50%. Nela, investiranse 241.600 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación.