A eliminación do muro do Hospital Provincial ten que ser autorizada por Sanidade e Patrimonio

Pontevedra
08 de xullo 2015

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés emitiu un comunicado no que recorda que Sanidade e Patrimonio da Xunta deberán autorizar a proposta de eliminar o muro do Hospital Provincial que suxeriu o concelleiro de Obras, Luis Bará

A parada de taxis de Loureiro Crespo será reubicada
A parada de taxis de Loureiro Crespo será reubicada

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés emitiu un comunicado no que recorda que Sanidade e Patrimonio da Xunta deberán autorizar a proposta de eliminar o muro do Hospital Provincial que suxeriu o concelleiro de Obras, Luis Bará.

Na reunión celebrada o pasado día 4 de xuño, entre o xerente e directivos da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés, o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, e técnicos municipais, co obxectivo de analizar medidas para mellorar a seguridade peonil no ámbito de Montecelo, falouse tamén da obra que o Concello ten previsto realizar na rúa Loureiro Crespo, á altura do Hospital Provincial.

Nese encontro os directivos da xerencia solicitaron ao goberno local "garantías" de que a realización da devandita obra non afectará "á seguridade dos pacientes do centro sanitario nin levará consigo molestias en temas como o ruído ou o po" e que, en todo momento, se asegurará a entrada a Urxencias de persoas e ambulancias.

Dende a xerencia destacan que na devandita reunión, o proxecto de realización dunha praza no ámbito do Hospital "non foi ensinado nin concretados os seus detalles" aos directivos do Complexo Hospitalario de Pontevedra (Chop).

"Os representantes municipais comentaron unicamente como unha idea para o futuro, a posibilidade de integrar a entrada do Hospital no devandito proxecto", salientan dende o Chop no seu comunicado.

Por parte dos responsables sanitarios aclarouse que a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés "non ten ningunha competencia nesa materia", polo que calquera petición municipal que afecte a unha parte do edificio, como son os muros e os xardíns, "se trasladaría para o seu estudo aos órganos competentes: a consellería de Sanidade e Patrimonio da Xunta de Galicia".