O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, anunciaba este martes que a empresa Viatoben será a encargada de levar a cabo ao longo dos vindeiros meses o traballo técnico para poñer en marcha o modelo de transporte a demanda.
Esta empresa de Fernando Nebot, o enxeñeiro que xa realizou o documento base para a redacción da ordenanza de utilización de espazos públicos e mobilidade amable de Pontevedra obtivo a adxudicación por un valor superior a 17.800 euros. Este concurso realizouse a través dun procedemento negociado sen prublicidade e presentáronse outras dúas empresas.
Demetrio Gómez indicou que Fernando Nebot é un dos principais especialistas no Estado en transporte público e un profundo coñecedor tanto de Pontevedra como de Galicia.
Segundo explicou, ao longo deste mandato, o Concello solicitará a esta empresa o emprego de ferramenas técnicas para comprobar que modelo resultaría máis eficaz para o municipio, atendendo á dispersión poboacional e tipos de usuarios. Polo que explicou o concelleiro, a empresa deberá analizar se é preferible o uso do taxi ou de microbuses para realizar determinados servizos.
Gómez apuntou que teñen cuantificado ao redor de 1.000 viaxes a diario a Montecelo e, ante estes datos, a empresa deberá realizar un estudo técnico para comprobar que sistema de transporte é o máis adecuado.
Desde o goberno local tamén se avanzou que o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia continúan en conversas sobre as liñas interurbanas de transporte. Demetrio Gómez recoñeceu que se están a tratar criterios técnicos específicos e que, en breve, haberá novidades.