O abandono de animais, ademais de evidenciar un problema de tipo humanitario, representa un grave problema de salubridade pública e seguridade viaria.
Desde o ano 2012 a Deputación subscribe un convenio de colaboración cos concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes, no que se contempla unha delegación do exercicio das competencias municipais a favor da institución provincial para o servizo de recollida de animais domésticos abandonados. De momento xa son 48 os concellos adheridos ao servizo provincial. Cada concello abona 0,4 euros por habitante.
A Deputación presta este servizo a través do Centro de Acollida e Protección de Animais, coñecido como o CAAN, con sede en Armenteira e xestionado pola empresa estatal pública TRAGSATEC (filial de TRAGSA) que acaba de renovar este mes de maio a súa encomenda de xestión ata o ano 2019.
Tragsatec seguirase encargando da recollida de animais abandonados e do seu coidado e tratamento. Ademais responsabilízase da identificación animal, do control de poboacións mediante a esterilización, campañas de sensibilización dirixidas a diferentes colectivos, formación para a mellora do control e da vixilancia da identificación animal así como da persecución e seguimento das infraccións por abandono e malos tratos dos animais, entre outras moitas tarefas.
Segundo informou a deputada responsable desta área, Eva Villaverde, entre as principais melloras que se inclúen no novo contrato destaca que todos os animais recollidos serán esterilizados, ademais a empresa ampliará o actual persoal de profesionais de veterinaria e laceiros, promoverá varias campañas de sensibilización e incrementará a presenza en redes sociais e a colaboración coas asociacións protectoras.
Con este novo contrato haberá unha actualización dos prezos respecto ao 2014 cando se asinou o anterior. Neste tempo duplicáronse o número de cans que se recollen, así como a demanda que se require desde os concellos, así como as colaboracións coas autoridades policiais e xudiciais, o que incrementou o custo do servizo de 375.000 a 621.000 euros.