A esclerose múltiple será o tema da próxima mesa redonda do ciclo "Bueu Concello Saudable"

Bueu
04 de outubro 2021

O acto, organizado xunto á Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo, vaise celebrar ás 20 horas do venres día 8 no Centro Social do Mar e tamén se retransmitirá en directo dende a canle de YouTube do Concello

Bueu PontevedraViva

O Concello de Bueu continúa co ciclo de charlas “Bueu Concello Saudable” e o próximo venres, 8 de outubro, o Centro Social do Mar acollerá ás 20 horas unha mesa redonda coa que se busca visibilizar a esclerose múltiple.

Da man da Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo (EMMO), o evento contará coa participación de María Sanluís Ferradás, psicóloga e presidenta de EMMO, David Campos Magdaleno, doente de Bueu; Ana Rodríguez Regal e María del Prado Amigo Jorrín, neurólogas especialistas en enfermidades desmilianizantes do Hospital Provincial de Pontevedra; e Raquel Carragal Da Costa, do máster de preparación física e readaptación deportiva de lesións, neurociencia e neorobiomecánica do Centro Alaia. 

Este colectivo naceu en maio deste ano co obxectivo de axudar a todas as persoas da comarca que padecen esta doenza e tamén ás súas familias, un piar importante para soportar a enfermidade. De feito, esta charla forma parte da campaña da asociación para visibilizar e informar sobre a enfermidade.

Ricardo Verde, concelleiro de deporte e sanidade, salienta que "é importante que a cidadanía estea informada destas e doutras doenzas e de como se complementar o deporte e a saúde". Coa finalidade de seguir cos hábitos saudables, desde esta concellaría continuarase coa organización de máis charlas nos próximos meses, ao tempo que se reactivan as actividades físico-deportivas. 

Dado o amplo interese social desta charla, o Concello de Bueu retransmitirá o evento a través da canle oficial de YouTube.