A Escola de Cantería xa está máis preto de conseguir a homologación dos seus estudos

Pontevedra
27 de abril 2020

A Deputación concluíu a obras de adaptación da Escola que permitirán obter a licenza municipal de actividade do Concello de Poio

Escola de Cantería
Escola de Cantería / Mónica Patxot

A Escola de Cantería xa está máis preto de conseguir a reclamada homologación dos seus estudos. A Deputación de Pontevedra concluíu as obras de adaptación cumprindo coa normativa de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios, seguridade, condicións hixiénicas e de habitabilidade, así como prevención de riscos laborais.

A actuación realizada contou cun investimento de 440.000 euros. Con este proxecto terminado xa pode obter definitivamente a licenza municipal de actividade por parte do Concello de Poio, onde está situada.

O proxecto conlevou unha completa reforma interior para garantir o illamento acústico; tamén se mellorou a accesibilidade con novas prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional, adaptación dun aseo e un vestiario; habilitouse unha vía peonil accesible, substituíronse ramplas interiores, así como outro mobiliario interior.

Outra parte das obras correspondeu á instalación eléctrica, así como diversas medidas de protección contra incendios con materiais específicos, espazos de evacuación, substitución de detectores ou instalación doutros sistemas de alarma e sinalizacións novos.

Os estudantes da Escola de Cantería tampouco son alleos ás circunstancias ás que obriga o estado de alarma, de forma que continúan coas clases teóricas de forma telemática. Seguindo as recomendacións do Goberno, cara ao mes de xullo, o alumnado que queira, poderá asistir a clases de reforzo, tanto en taller como en materias teórico-prácticas. Ademais xa se tramitou o segundo prazo de bolsas para alumnos.