A Escola Naval reactiva as visitas á illa de Tambo

Poio
22 de setembro 2018

No protocolo proposto pola Escola Naval e aceptado polo Concello de Poio establécense unha serie de normas e condicións

Unha muller sacando unha foto á illa de Tambo Juan Mejuto

O Concello de Poio e a Escola Naval Militar chegaron a un acordo sobre a reactivación das visitas á illa de Tambo.

Despois das conversas mantidas entre a alcaldesa en funcións Chelo Besada e o concelleiro de urbanismo Gregorio Agís co comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero, ambas as dúas entidades acordaron un procedemento para reactivar as visitas culturais á Illa de Tambo.

No protocolo proposto pola Escola Naval e aceptado polo Concello de Poio establécense unha serie de normas e condicións.

A partir de agora será o Concello o que tramite as solicitudes dos colectivos, que terán que ter o visto e prace da Escola Naval.

As visitas terán un número máximo de 50 persoas, deberán estar acompañados dun supervisor designado para o efecto pola institución castrense que lles marcará o percorrido que poden facer do que queda excluído o acceso á praia de Areeira. A estancia non se poderá prolongar máis de dúas horas e media.

Os solicitantes comprometeranse por escrito a evitar "a realización de calquera tipo de manifestación ou propaganda que comprometa o principio de neutralidade política e sindical das forzas armadas e os seus compoñentes".

Desde a Asociación Irmandade Illa de Tambo, o seu presidente Antonio Costa expresa a súa conformidade coas condicións propostas á vez que lamenta o "espectáculo bochornoso" por "vendernos este feito coma se fose un logro seu" xa que entenden que só é "unha forma de vender fume para tapar a incompetencia ante a carencia de información, polo menos non facilitada desde hai un ano, sobre as xestións para a transferencia da illa de Tambo ao Concello de Poio".