A estrada vella de Marín, ás portas dunha nova etapa na que se transformará "máis nunha rúa e menos nunha estrada"

Pontevedra
18 de xullo 2022

Ethel Vázquez anunciou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle este luns o inicio da licitación dos traballos do acondicionamento de 500 metros da PO-546 en Estribela, que supoñerá un investimento de máis de 947.000 euros. Esperan que a principios de 2023 "como tarde" poidan empezar os traballos

Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores, na PO-546, a estrada vella de Marín
Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores, na PO-546, a estrada vella de Marín / Mónica Patxot

Paso adiante na transformación da vía  PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, que a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra aspiran a "que se converta máis nunha rúa e menos nunha estrada".  

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, visitou este luns o punto no que empezará a transformación, un punto do barrio de Estribela, na parroquia pontevedresa de Lourizán, no que empezarán as obras da primeira fase da reforma integral do vial. 

Ethel Vázquez presentou o proxecto de mellora da seguridade viaria e anunciou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle este luns o inicio da licitación dos traballos do acondicionamento de 500 metros da PO-546 en Estribela, que supoñerá un investimento da Xunta de máis de 947.000 euros. 

A responsable autonómica estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; os concelleiros do PP Pablo Fernández e Martín Martínez; a concelleira do BNG Carmen Fouces; e o enxeñeiro encargado do proxecto, Manuel Ángel González Juanatey. 

Nesta visita, anunciou que as empresas interesadas en executar as obras terán de prazo ata o próximo 17 de agosto para presentar as súas ofertas. A partir de aí, empezarán os trámites e a previsión da Xunta de Galicia é que a obra poida adxudicarse a finais de 2022 e a principios de 2023 "como tarde" poidan empezar os traballos. Desta forma, e dado que o prazo de execución son 12 meses, durante o próximo ano a obra podería estar terminada

Ethel Vázquez lembrou que con esta obra búscase maior seguridade viaria e garantir "desprazamentos seguros" na zona de actuación, en especial para os peóns, para que "os desprazamentos a pé teñan o menor risco posible" .

Para logralo, nesta primeira fase traballarase nun tramo de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros. 

A actuación é “complexa” porque se quixo dar maior seguridade á vía mantendo o seu dobre sentido de circulación e tívose que recorrer a voladizos, recheos, muros de contención e demolición de vivendas en estado ruinoso. 

A actuación incluirá tres pasos de peóns sobre elevados dotados cun sistema intelixente que detecte ao peón nas proximidades e active a sinalización e, para profundar na súa seguridade, tamén se mellorarán as parada de autobús e renovarase a iluminación da vía, os servizos e a sinalización horizontal e vertical.

A responsable autonómica de Infraestruturas lembrou que esta obra é moi "demandada" e resulta "importante para mellorar a calidade de vida dos veciños da zona de Estribela" e avanzou que ten vocación de continuidade e a Xunta actuará nos próximos anos en toda a vía entre Marín e Pontevedra e investirá en total 7 millóns de euros. O resto dos proxectos someteranse a información pública o próximo outono.

O alcalde de Pontevedra mostrouse "encantado" coa visita da conselleira a Pontevedra para realizar obras que son "absolutamente precisas" e sinalou que esta primeira fase de mellora da estrada vella de Marín era unha actuación que o Concello estaba a esperar "como auga de maio". 

Tamén manifestou a súa satisfacción co feito de que a obra terá continuidade e coa nova "sensibilidade" que percibe na Xunta de Galicia cara á seguridade viaria. "Dáme grandísima satisfacción", engadiu, lembrando que o modelo urbano pontevedrés prioriza a seguridade viaria e ás persoas.