O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, será o novo portavoz do grupo municipal dos socialistas no concello capitalino. A decisión foi adoptada por aclamación este mércores nunha xuntanza mantida pola comisión executiva da agrupación socialista de Pontevedra na súa sede de Irmáns Nodales.
Puentes substitúe como voceiro a Tino Fernández, que seguirá a desempeñar as súas funcións como tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes do Concello.
A executiva municipal adopta esta decisión "por coherencia co resultado das eleccións primarias recentemente celebradas no seo do partido" e nas que o actual concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural foi proclamado candidato á Alcaldía para as municipais de 2023.
Iván Puentes recolle a testemuña "do bo traballo realizado ao longo deste mandato polo compañeiro Tino Fernández, con moita ilusión e gañas, e como sempre, facendo do diálogo e da escoita activa, os nosos sinais de identidade".
"O meu obxectivo é o de fortalecer aínda máis o papel do PSOE no goberno municipal", avanzou Puentes.
Durante a xuntanza da comisión executiva tamén se abordou o procedemento orgánico para a elaboración de candidaturas (listas) de cara as eleccións municipais do 28 de maio e aprobouse o organigrama do comité electoral.