Yoya Blanco repite como número 2 da lista do PSOE ás municipais e Paloma Castro regresa á política local no 4

Pontevedra
02 de marzo 2023

O PSOE converteuse no primeiro partido político en presentar a súa candidatura completa para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio en Pontevedra. Irrompe no número 3 Manuel Fariña Casanova, profesor e secretario dos IES Frei Martín Sarmiento. Aprobouna a agrupación local e agora será remitida á comisión provincial de listas 

Reunión da Comisión Executiva municipal da agrupación socialista de Pontevedra
Reunión da Comisión Executiva municipal da agrupación socialista de Pontevedra / PSOE de Pontevedra

O PSOE converteuse este xoves no primeiro partido político en presentar a súa candidatura completa para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio en Pontevedra. Trátase dunha lista na que, acompañando a Iván Puentes como número 1, repetirá no segundo posto Yoya Blanco, actual concelleira de Promoción Económica, Turismo, Igualdade e Universidade.

A lista está carga de novidades. A primeira é a irrupción no número 3 de Manuel Fariña Casanova, profesor e secretario dos IES Frei Martín Sarmiento. Secretario de Educación e Cultura da agrupación socialista de Pontevedra, é tamén membro do Comité Provincial e do Comité Nacional do PSdeG.

No número 4 irá Paloma Castro, no que será o seu regreso á política local que deixou nas últimas eleccións autonómicas para converterse en deputado no Parlamento de Galicia.  

Marcos Rey, actualmente concelleiro de Benestar Social e Animal, tamén repite posto e será o número 5 mentres que o seis vaino ocupar a artista Carmen Hermo Sánchez, catedrática de Debuxo no IES Frei Martín Sarmiento e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A comisión executiva municipal da agrupación socialista de Pontevedra aprobou este xoves a candidatura nunha reunión extraordinaria. Agora será remitida á comisión provincial de listas para a súa ratificación. 

Unha vez aprobada, o seu cabeza de lista, Iván Puentes, destacou que se trata dunha candidatura que "mestura diversas cuestións que son básicas en calquera equipo político": veteranía e experiencia na xestión municipal e incorporación en postos moi importantes de novos perfís, novas caras e de persoas que nunca formaron parte dunha candidatura electoral.

Fala, así, dunha "mestura entre a experiencia e a nova sabia de xente que fundamentalmente ven do movemento asociativo, que representan a Pontevedra real, a Pontevedra que se move, que vive cada día".

A lista é paritaria e "absolutamente cremalleira" e nela entran candidatos de menos de 20 anos, como David Fraga Garrido (estudante de Maxisterio e xogador do Pontevedra CF de 19 anos), con outros moi veteranos e "un referente na loita sindical e social e política" como o ex deputado, ex concelleiro e ex delegado do Goberno Antón Louro (71), a histórica socialista Margariña Valderrama Currás (82) ou o presidente do PSOE pontevedrés e histórico dirixente de UGT Benito Gama Calvo (79). Os tres van como suplentes, como tamén a senadora Marica Adrio.

Iván Puentes destaca que se trata dunha candidatura que inclúe persoas do mundo académico, da sanidade ou da empresa privada e que inclúe a representantes "desa Pontevedra emprendedora que pretendemos impulsar no próximo mandato municipal".

Presume, ademais, de que a candidatura responde ás "diferentes sensibilidades que hai a sociedade pontevedresa" e que "está chamada a ser a alternativa de goberno ao BNG", actual socio do PSOE en Pontevedra.

O alcaldable socialista considera que é tamén "a alternativa de goberno a este modelo de cidade que nos últimos 24 anos dirixiu os destinos de Pontevedra, que temos que preservar, pero que temos que perfeccionar e levar máis aló".

 A lista complétana, a partir do número 7: 

  • Guillerme ‘Yeyo’ Pérez Agulla
  • Alicia Rodríguez Esteban
  • Ángel Mario Lago
  • Margarita González Bértola 
  • Pedro Hermida Paredes
  • Eugenia Jorge Marinero 
  • Beltrán Raña Criado 
  • Montserrat Couto Rodiño 
  • Fernando Baena Ozores 
  • Estrela Vilacoba Blanco
  • Roberto Taboada Puig
  • Rocío Carrera Portela
  • David Fraga Garrido 
  • Patricia Vilán Lorenzo  
  • Carlos Paz Sánchez  
  • María Abollado Vidal
  • Christian Fernández Ramos
  • Paloma Rodríguez Español
  • Camilo Garrido Torres

Suplentes:

  • Antón Louro Goyanes
  • Margariña Valderrama Currás
  • Benito Gama Calvo
  • Mabel Rodríguez Gutiérrez
  • Jesús Miguélez García
  • Marica Adrio Taracido