Unha de cada tres candidaturas do PSdeG-PSOE para as municipais estrearán cabeza de lista

Pontevedra
06 de marzo 2023

Máis un terzo das 58 candidaturas que foron xa avaladas polas asembleas locais do PSdeG-PSOE estrearán cabeza de lista de cara ás eleccións municipais de maio. Todas elas foron referendadas este luns polo comité provincial do partido, que se xuntou no Pazo da Cultura

Comité provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Comité provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Máis un terzo das 58 candidaturas que foron xa avaladas polas asembleas locais do PSdeG-PSOE estrearán cabeza de lista de cara ás eleccións municipais de maio. Todas elas foron referendadas este luns polo comité provincial do partido, que se xuntou no Pazo da Cultura.

Agora corresponderá ao comité nacional dar o visto bo ata a aprobación no comité federal que o PSOE celebrará o próximo día 25 de marzo.

Tras este trámite, aos socialistas só lles queda aprobar as candidaturas en tres concellos da provincia, Agolada, Dozón e Mondariz-Balneario.

Vinte e unha destas candidaturas estrearán candidato ou candidata, destacan desde o partido, que subliñan a aposta pola mocidade dos novos 'alcaldables' pontevedreses, "conectando deste xeito ao partido coa sociedade".

Así, na área de Pontevedra estrearanse nestas lides Luís Arosa (A Illa de Arousa), Iñaki Touriño (A Lama), Samuel Lago (Cambados), Adrián Vidal (Campo Lameiro), Ana Couto (Cerdedo-Cotobade), Pablo Portas (Meaño), Xoel Souto (Moraña), Gregorio Agís (Poio), Iván Puentes (Pontevedra) e Manuel Flores (Portas).

David Regades, secretario xeral dos socialistas pontevedreses, destacou que a "maquinaria electoral" do PSdeG-PSOE xa leva meses en marcha de cara a esta cita coas urnas.

O obxectivo, engadiu Regades, é volver gañar as municipais "dun xeito apabullante" como xa sucedeu en 2019, uns comicios que "fixeron posible que o Partido Socialista goberne a 600.000 dos máis de 900.000 veciños e veciñas da provincia".