Carmela Silva felicita no Pazo de Besada o traballo dos socialistas nos gobernos locais

Poio
18 de abril 2023

A presidenta do PSdeG mantivo en Poio un acto de recoñecemento ás mulleres e homes socialistas que fixeron posible o avance dos seus concellos. No evento estivo acompañada por integrantes do seu partido que encabezan as candidaturas como Iván Puentes, Gregorio Agís, Manuel Pazos, Andrés Díaz, César Poza, José Sanmartín, Iñaki Touriño, Ana Couto e Adrián Vidal

Encontro de Carmela Silva, presidenta do PSdeG, con representantes socialistas no Pazo de Besada
Encontro de Carmela Silva, presidenta do PSdeG, con representantes socialistas no Pazo de Besada / PSdeG-PSOE

Carmela Silva, presidenta do PSdeG-PSOE, escolleu o Pazo de Besada para realizar un acto de recoñecemento ás mulleres e homes socialistas que, durante os últimos anos, desde as corporacións locais da comarca traballan polo avance dos seus municipios.

A este evento asistían integrantes do partido que encabezan as candidaturas ás próximas eleccións municipais como Iván Puentes, Gregorio Agís, Manuel Pazos, Andrés Díaz, César Poza, José Sanmartín, Iñaki Touriño, Ana Couto e Adrián Vidal.

A presidenta da Deputación tamén destacou os preto de cen millóns de euros que investiu a institución provincial na comarca e a importancia dos fondos europeos para impulsar proxectos estratéxicos "que Rueda e o PP non poden bloquear, para a súa desesperación", advertiu durante o acto.

Silva pediu á cidadanía que valorase os éxitos dos alcaldes e alcaldesas da comarca en comparación con "os fracasos da Xunta" e destacou as políticas sociais, medio ambientais, culturais e industriais que realizan os representantes socialistas.

Lembrou que a Deputación abordou máis dun milleiro de obras para mellorar os servizos e dotacións na comarca entre as que subliñou a importancia do Centro de Maiores de Campo Lameiro; a piscina de Barro; a urbanización da Chan, en Cerdedo-Cotobade; humanización dos núcleos de Poio ou a Rolda Leste e o novo acceso a Monte Porreiro, en Pontevedra; entre outros proxectos. Tamén quixo poñer en valor a transformación da rede provincial de estradas; a restauración do convento de Santa Clara ou a introdución do modelo de mobilidade integral en Tomeza, Figueirido ou Almofrei.

Puxo como exemplo de utilización dos fondos Next Generation os proxectos da depuradora de Poio e de Sanxenxo, cun investimento previsto de 26 millóns de euros e que se construirá en Paxariñas. "É algo do que o Partido Popular debería avergoñarse", afirmou denunciando unha década de bloqueo por parte da Xunta.

Tamén criticou o bloqueo durante catorce anos ao polígono de Fragamoreira de Poio debido ao "desastre industrial" da Xunta e destacou que a Zona Franca, a través da intervención de David Regades e a actuación de Gregorio Agís, están a buscar a solución para que as empresas poidan instalarse nese chan industrial.

Reivindicou o Obxectivo 17 da Axenda 2030 no que se citan as alianzas institucionais e criticou ao PP polo seu modelo "antigo, decimonónico e fóra de cobertura" na comarca de Pontevedra.