Gregorio Agís presenta novos integrantes da lista do PSdeG-PSOE para "gobernar Poio"

Poio
31 de marzo 2023

O candidato socialista á alcaldía de Poio presentaba ás oito persoas que o acompañarán no primeiro tramo da súa candidatura nas eleccións do vindeiro 28 de maio. Os postos dous e tres son para Silvia Díaz, actual portavoz municipal de Avante Poio e tenente de alcalde; e para Julio Casás, concelleiro de Obras e Servizos

Os primeiros postos da candidatura de Gregorio Agís ás eleccións municipais de 2023
Os primeiros postos da candidatura de Gregorio Agís ás eleccións municipais de 2023 / PSdeG-PSOE

Gregorio Agís, candidato á alcaldía de Poio no PSdeG-PSOE, presentaba este venres ás persoas que ocuparán os postos do primeiro tramo da lista que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio.

O candidato socialista definiu a este equipo como un colectivo de veciñas e de veciños "preparados, con vontade e entusiasmo para traballar pola cidadanía de Poio", para continuar asegurando que o proxecto é "ilusionante e integrador".

O segundo posto da lista será para Silvia Díaz, portavoz de Avante Poio, actual tenente de alcalde e responsable de Turismo, Igualdade e Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns. O tamén concelleiro na actual corporación Julio Casás, responsable de Obras e Servizos, Pesca e Marisqueo, figura como número tres.

No cuarto posto preséntase Arsenio Pedre, empresario de San Salvador relacionado co asociacionismo dos negocios locais; Rebeca Quintillán, natural de Combarro e residente en San Salvador, ocupará o quinto lugar achegando a súa experiencia como profesora de Educación Infantil; e Cristina Bernal, residente na Caeira e técnica de proxectos europeos, irá no sexto posto.

Miguel Ángel Martínez González, natural de Samieira, ocupa o posto 7, mentres que María Dolores Abal, de Liñares (San Xoán) situarase no número 8. O último deste primeiro tramo da candidatura é José Angel Lodeiro, que asumiu responsabilidades no medio Ambiente e Servizos na administración local.

Agís destaca a suma de esforzos co obxectivo de lograr unha maioría suficientemente ampla para impulsar un proxecto de cambio transformador.