Como se solucionan as dificultades das peonalizacións, como se xestionan as necesidades de aparcamento, como é o día a día e a convivencia dos peóns, as bicicletas e os coches na cidade, cales son os principais conflitos á hora de reducir os espazos aos vehículos...
A esas e a moitas mais preguntas respostaron este xoves o vicepresidente de la Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole na XI Jornada Técnica de Mobilitat organizada pola Deputaciò de Barcelona, na que expuxeron unha ponencia sobre 'A ordenación do espazo de mobilidade nos centros urbanos' centrada na experiencia de Pontevedra e no modelo de mobilidade que se quere aplicar en toda a provincia.
O auditorio das xornadas estaba formado por case 240 alcaldes, concelleiros e técnicos de toda España, que felicitaron aos representantes pontevedreses polo traballo feito na capital da provincia galega e a súa determinación por levar a tódolos concellos da provincia o modelo de mobilidade que pon ás persoas como centro das actuacións en materia de infraestruturas.
Os representantes pontevedreses case monopolizaron a quenda de preguntas e respostas aberta para os tres primeiros conferenciantes, xa que os asistentes querían coñecer dende a idea inicial que impulsou o proxecto pontevedrés ata cuestións técnicas concretas -como o modo no que se controlan os accesos á cidade-.
Segundo trasnladaron dende a Deputación de Pontevedra, foi tal o interese e o número de preguntas plantexadas que o resto da xornada seguiu cunha hora de atraso sobre o horario previsto. Logo das intervencións, os representantes pontevedreses tamén seguiron contestando preguntas e Mosquera convidou aos presentes a coñecer o modelo Pontevedra in situ para poder ver na realidade as solucións técnicas.
Coa participación de Mosquera nestas xornadas finalizou o percorrido que nesta semana levou ao vicepresidente a Madrid, Roma e Barcelona para falar de mobilidade.