A Facultade Ágora pon o foco en adaptar os espazos urbanos ás persoas máis vulnerables

Pontevedra
28 de outubro 2021

O seminario sobre "Inclusión Social" celebrado este xoves contou coa participación da doutora en urbanismo Zaida Muxí, o xeógrafo Màrius Navazo e os integrantes de Cogami Anxo Queiruga e Paulo Fontán

Seminario sobre inclusión social da Facultade Ágora
Seminario sobre inclusión social da Facultade Ágora / Deputación de Pontevedra

A Facultade Ágora, a iniciativa formativa da Deputación para representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia, abordou este xoves a ‘Inclusión Social’ no espazo público chegando á conclusión de que no deseño urbano sempre se debe asumir a perspectiva das persoas máis vulnerables e con menos recursos. 

As persoas especialistas que participaron no seminario, a urbanista Zaida Muxí, o xeógrafo Màrius Navazo e os representantes de Cogami Anxo Queiruga e Paulo Fontán, coincidiron en que é preciso pensar as cidades de maneira global para que todo o mundo se atope cómodo en todos os seus espazos. 

A doutora Zaida Muxí foi a primeira en falar na xornada. Admitiu que o urbanismo non é neutral nin universal “posto que ignora a diversidade” e subliñou que é preciso traballar na mellora da accesibilidade e a inclusión, pero tendo en conta a vida cotiá -os espazos de encontro, de xogo, da vida...- e non só unicamente os espazos excepcionais onde hai monumentos, como acontece en moitas cidades. 

Anxo Queiruga seguiu na liña de afirmar que a inclusión social é unha cuestión de empatía. Lembrou que a pandemia amosou a fraxilidade de todas e todas e instou a reflexionar sobre as persoas vulnerables que non poden saír da casa ao longo da súa vida polos problemas de deseño urbano.

Paulo Fontán, pola súa banda, fixo un chamamento a responsables técnicos e políticos para preguntar como abordar melloras urbanas ás persoas que máis dificultades teñen para a vida no espazo público.

Finalmente, Màrius Navazo afondou na idea de que a reflexión sobre a inclusión social o que debe é poñer sobre a mesa o papel dos coches nas vilas e cidades. Asegurou que as administracións “non deben cumprir coa accesibilidade só nas migallas que deixa o coche, senón todo o contrario, aproveitar a reflexión da inclusión social para reclamar o pan enteiro –todo o espazo público- para as persoas”. 

Para pechar o seminario, o deputado Uxío Benítez insistiu en que a Facultade Ágora vén desde o inicio cuestionando permanentemente o papel do coche na sociedade. Subliñou que as cidades foron pensadas no século XX para o coche por un perfil minoritario “de home varón con vehículo a motor” e insistiu que “no século XXI é o momento de darlle a volta e crear espazos para as persoas".