A aprobación da modificación do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, terá que agardar.
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, celebrado este xoves, acordou, a proposta do reitor, adiar a decisión na procura dun acordo, ante a negativa dos departamentos de Lingua española, de Filoloxía galega e latina e de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía a aceptar a modificación proposta polo decanato da facultade que contempla a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española e galega.
As intervencións da decana do centro, Enma Torres, e das directoras e membros dos departamentos antes citados evidenciou unha falta de acordo, que o reitor, Manuel Reigosa, avogou por acadar mediante a celebración de máis reunións con ambas partes, de xeito que se poida trasladar a o vindeiro Consello de Goberno unha modificación consensuada.
Este foi un dos puntos da orde do día da sesión do órgano de goberno, que aprobou por asentimento, coa abstención da catedrática Coral del Río, o recoñecemento docente por maternidade, un dos compromisos electorais do novo equipo de goberno, que permitirá ás profesoras a tempo completo que finalicen o seu permiso por parto ou adopción, garda con fins de adopcións, ou acollemento dunha duración mínima dun ano, solicitar unha redución da súa dedicación docente de ata o 100% no primeiro curso académico e o 50% o segundo, desde a data de finalización do permiso.
O procedemento de xubilación do PDI pertencente aos corpos docentes universitarios da UVigo; a normativa da matrícula condicionada de acceso a máster; a normativa de contratación do persoal investigador da UVigo ou a convocatoria de retención de talento investigador para este curso, foron algúns dos asuntos aprobados hoxe polos membros do Consello, nunha sesión que comezou co informe do reitor.
Na súa exposición, Manuel Reigosa confirmou que se segue a traballar coa Xunta na procura da harmonización das datas relativas á tramitación das titulacións nas tres universidades, co obxectivo de que sexan as mesmas, así como no novo mapa de titulacións de graos.
O reitor tamén confirmou que se continúa a traballar por parte da UVigo na creación dos institutos universitarios de aeroespaciais e de agroecoloxía, este último en paralelo coa posta en servizo do Instituto Agrofood transfronteirizo, xunto ao Instituto Politécnico de Bragança.
Reigosa tamén destacou no seu informe as xestións que se están a realizar coas direccións das escolas de Minas e Enerxía, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría Agraria na procura de solucións para as titulacións que se imparten nestes centros e que rexistran baixa matrícula, así como para a creación dunha Facultade de Enfermaría, con presenza nos tres campus, que substitúa aos actuais centros adscritos.