A Fanpa advirte que vixiará que non se avalíen contidos novos durante o confinamento e non descarta denuncias

Pontevedra
10 de abril 2020

Teñen coñecemento de hai profesores que están a incumprir as directrices educativas e avalían contidos en tempo de confinamento e non descartan que no futuro presenten denuncias ante a Inspección Educativa. Fan un chamamento ás familias para que lles trasladen posibles incumprimentos 

Campus remoto da Universidade de Vigo
Campus remoto da Universidade de Vigo / DUVI- Universidade de Dvigo

A Federación de ANPA de centros públicos de la provincia de Pontevedra (FANPA) estará atenta a que o profesorado dos colexios pontevedreses cumpran as instrucións da Consellería de Educación que establecen que durante o tempo que dure o peche dos centros pola pandemia do coronavirus non se poderán avaliar os contidos que se transmitan ao alumnado. Así o confirmou este xoves o presidente do colectivo, Rogelio Carballo. 

Segundo indicou, teñen coñecemento de que hai profesores que están a incumprir as directrices educativas e avalían contidos en tempo de confinamento e non descartan que no futuro presenten denuncias ante a Inspección Educativa. 

Así, fan un chamamento ás familias para que lles trasladen posibles incumprimentos a través do correo electrónico [email protected].

Rogelio Carballo asegura que na Fanpa teñen noticias de que moitos centros están avaliando e lembra que unha enquisa realizada por Confapa conclúe que o 20% do alumnado está a recibir contidos novos durante o confinamento, por iso é polo que sinalan que van estar moi atentos ás denuncias dos pais e tramitarán as que se confirmen ante a Inspección. 

A instrución da Xunta de Galicia publicada no DOG sostén que o profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos accesibles ao seu alumnado actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables. Desta maneira, non se pode avaliar a partir de 12 de marzo calquera traballo que se desenvolva no ámbito educativo non presencial. 

GARANTÍAS PARA A DOCENCIA VIRTUAL 

A docencia virtual xa era unha obriga na Universidade de Vigo desde o pasado 30 de marzo e desde esta semana unha Resolución Reitoral publicada este martes incide neste deber, asumido xa por máis do 90% do profesorado da institución académica viguesa, que está a atender ao seu alumnado e a desenvolver as súas materias cos medios que considera máis oportunos.

Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, sinala que desde a Reitoría tentarán contactar con docentes que non cumpran con esta obriga para coñecer a súa situación, xa que poden existir situacións de moi diverso tipo, polo que non se pode formular unha medida xeral. 

Toda a docencia oficial debe adaptarse á situación de non presencialidade, o que inclúe desde o primeiro curso de grao ata o doutoramento, e a propia Universidade explica que están a poñer medidas para resolver todos os casos que se comunicaron ata este intre