A Federación Castelao mobilizarase contra o desvío de pacientes a Santiago

Pontevedra
18 de xaneiro 2014

O presidente desta Federación, Verísimo Pazos, convocará á súa xunta directiva co propósito de "organizar as mobilizacións" nas que expresar o "rexeitamento do movemento veciñal pontevedrés" contra a derivación de pacientes da área Norte da provincia a Santiago de Compostela

Os responsables da Federación de asociacións de veciños Castelao deron este sábado unha rolda de prensa para anunciar unha "campaña de protestas" contra o novo mapa sanitario impulsado pola Xunta.

O presidente desta Federación, Verísimo Pazos, convocará á súa xunta directiva co propósito de "organizar as mobilizacións" nas que expresar o "rexeitamento do movemento veciñal pontevedrés" contra a derivación de pacientes da área Norte da provincia a Santiago de Compostela.

Pazos coincide co posicionamento expresado, entre outros, polo Colexio de Médicos, e sinala que esta reorganización "agrava as carencias sanitarias dos 300.000 pacientes de Pontevedra e O Salnés".

Dende esta Federación veciñal instan ao goberno de Núñez Feijóo a "recuperar o proxecto de ampliación de Montecelo" coas especialidades que estaban previstas no proxecto do anterior goberno bipartito, como a Cirurxía Máxilofacial, Cirurxía Pediátrica e Medicina Nuclear, e incluíndo outros como unha UCI Pediátrica ou Radioterapia, contemplados no deseño do hospital de Monte Carrasco.