A Federación Teucro apela ao "espíritu de Gamonal" para reclamar investimentos sanitarios en Pontevedra

Pontevedra
24 de xaneiro 2014

O colectivo veciñal vai poñerse en contacto coa Plataforma pola Sanidade pública para intentar organizar unha marcha no mes de febreiro para que a Xunta aposte por crear infraestruturas sanitarias en Pontevedra e dea marcha atrás coa medida de desprazar doentes a Santiago

A Federación de Veciños Teucro pide unha reacción cidadá para reclamar infraestruturas sanitarias /

Os representantes da Federación de Veciños Teucro aposta pola organización dunha gran manifestación que percorra as rúas de Pontevedra ao longo do mes de febreiro para reclamarlle á Xunta de Galicia investimentos en infraestruturas sanitarias. O colectivo veciñal que lidera Miguel Anxo Vilacoba tamén vai secundar as concentracións de protestas convocadas pola xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra todos os martes e xoves ás 12:00 horas ante as portas dos centros sanitarios. E anunciou que se porán en contacto coa Plataforma pola Sanidade Pública para intentar organizar esa gran marcha para reivindicar "un Hospital de primer orden equipado e con especialidades xeneralistas".

Nunha rolda de prensa, os representantes veciñais lamentaron a decisión da consellería de Sanidade de desprazar pacientes de determinadas especialidades a Santiago. Miguel Anxo Vilacoba ironizou coas palabras da Conselleira que indicou que Vigo e Santiago están case á mesma distancia: "Como vai en coche oficial e sempre a levan, ao mellor para ela ás distancias non teñen importancia. Pero para calquera cidadán de Pontevedra que teña que ir a calquera servizo en Santiago se é unha molestia e, nos tempos nos que estamos, é un agravio comparativo con calquera outra zona".

Dende o colectivo considérase que o Hospital de Monte Carrasco non se vai construír e que tampouco se está a investir en Montecelo que "está obsoleto" e onde, segundo denuncian, se están a producir recortes de persoal, de maquinaria e de material cirúrxico. Neste sentido, apuntaron que a aposta dende as filas do Partido Popular vai dirixida ao fomento da sanidade privada.

Pola súa banda, José Luis Vidal Laiño sinalou que "fronte as mentiras do PP, a realidade é que Monte Carrasco foi un engano para Pontevedra e o bipartito tamén tivo a oportunidade de ampliar Montecelo e non o fixo". E por este motivo, apelou ao "espírito de Gamonal" para reclamar un chamamento aos cidadáns para que saian en mobilización na rúa.