Os pontevedreses están convocados a saír á rúa o próximo venres 14 de febreiro para, unha vez máis, defender a sanidade pública. Nesta ocasión, a convocatoria desta manifestación posta en marcha pola Plataforma SOS Sanidade Pública desencadéase con motivo do traslado de pacientes de determinadas especialidades ao Hospital de Santiago en lugar de ao de Vigo, que era onde ata agora se estaban a tratar estes casos.
Durante unha reunión mantida na sede da Federación Castelao polas forzas vivas da cidade entre as que non faltaron os principais representantes políticos da cidade, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde Antón Louro. Ademais, tamén acudiron representantes sindicais, veciñais e sanitarios que mostraron, unha vez máis, a preocupación pola falta de investimentos nos centros hospitalarios de Pontevedra ao longo dos últimos anos e o temor ante as previsións de privatizar determinados servizos.
O 10 de decembro, miles de pontevedreses saíron á rúa para reivindicar a sanidade pública. As últimas medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade obrigaron, segundo os seus representantes, á Plataforma a convocar esta nova marcha.