O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de abrir o prazo de solicitude dos 41 postos oficiais da undécima Feira de Cuspedriños, que se reparten en ata cinco zonas distintas do antigo mercado, os pendellos e a carballeira.
As persoas interesadas deberán cursar a súa petición no Concello, que realiza certas esixencias para participar, como a ambientación e vestimentas propios dos mercados tradicionais dos anos cincuenta, a existencia de lista de prezos, a rotulación dos carteis en galego ou a apertura alomenos de 10.00 a 19.00 horas na xornada festiva.
O Concello ofrece, cando quedan dous meses para o certame, un total de 41 postos oficiais distribuídos en cinco zonas da aldea. Tres correspóndense coas mesas de pedra do mercado, do exterior deste recinto e dos pendellos e as dúas restantes coa parte superior e inferior da carballeira.
Como é habitual pola elevada demanda, o Concello ampliará despois a concesión de postos, pero xa fóra destes espazos centrais, ata roldar os 70 stands.
Os 41 postos ofertados, que figuran nos impresos de solicitude colgados na web municipal, oscilan entre os 2 e os 3 metros e oriéntanse á venda de artesanía, roupa, comida ou outro tipo de trebellos.