A Feira de Cuspedriños vence á calor con troula e bos alimentos

Cerdedo Cotobade
07 de xuño 2015

Esta feira xa tradicional na parroquia de San Xurxo de Sacos celébrouse este 7 de xuño con postos de artesanía e de alimentos do país. Recréase o mercado agrícola e gandeiro que se desenvolvía na zona ata 1967

Feira de Cuspedriños 2015 Diego Torrado

A parroquia de San Xurxo de Sacos en Cotobade volveu converterse ao longo deste domingo 7 de xuño no centro de atención de todos os interesados nos mellores produtos da zona a través dunha nova edición da Feira de Cuspedriños. Esta cita cultural e gastronómica pretende recrear o mercado gandeiro e agrícola que se mantiña activo na zona ata 1967.

Dende primeiras horas da mañá instalábanse postos de alimentación con produtos típicos do país entre os que non faltaban o polbo, os embutidos, o queixo ou diferentes viños mentres na terraza se desenvolvía a actividade comercial cos postos de artesanía con venda de distintos instrumentos musicais galegos, sombreiros, coiro ou cestas.

A esta cita non podía faltar os músicos e os personaxes típicos destas festas. Desta forma, un grupo de gaiteiros e pandereteiras amenizaron o evento e lograron que os asistentes bailasen a pesar da calor da xornada. Mentres, os máis pequenos participaban de diferentes actividades como xogos populares e manualidades.