A feira de oportunidades de Ponte Caldelas, en marzo

Ponte Caldelas
01 de febreiro 2018

Os comerciantes de Ponte Caldelas decidiron organizar unha nova edición da súa feira de oportunidades os próximos días 3 e 4 de marzo. Será, como vén sendo habitual, no pavillón municipal. Así o confirmaron nunha xuntanza da mesa local de comercio

Mesa local de comercio de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Os comerciantes de Ponte Caldelas decidiron organizar unha nova edición da súa feira de oportunidades os próximos días 3 e 4 de marzo. Será, como vén sendo habitual, no pavillón municipal. Así o confirmaron nunha xuntanza da mesa local de comercio.

A feira contará cun total de 27 postos, dos que 25 son do municipio e só dous de fóra. Os produtos a expoñer son de diferentes sectores: téxtil, alimentación en xeral, mobiliario, floristería, zapatería, complementos, maquinaria, calefacción, librería, droguería ou caza e pesca, entre outros.

A novidade será a instalación de stands exteriores de vehículos de ocasión, a cargo dos negocios de compravenda do municipio, pero esta opción só se concretará se as condicións meteorolóxicas o permiten.

Recupérase así unha exposición que se fixo hai cinco anos e que se abandonou polo mal tempo. De feito, a feira atrásase este ano un mes pasando de comezos de febreiro a comezos de marzo, unha aposta coa que se confía en acadar unha gran afluencia de público.

Durante a xuntanza da mesa de comercio, o alcalde comunicou que o 4 de marzo Ponte Caldelas celebrará tamén unha actividade multiaventura para toda a familia. Trátase dun circuíto de actividades de todo tipo para realizar en grupos e que se enmarca dentro das actuacións solidarias impulsadas para recadar fondos a prol dos damnificados polos incendios.

A inscrición para esta actividade, bautizada como Caldelas Aventura, aínda está aberta e pódese realizar no sitio web www.galaicaventura.com.